Sunday 19 de May de 2024

A Pobra quece motores cara á época do Nadal co terceiro Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas


Incentiva-la participación da veciñanza na ornamentación exterior dos seus fogares polo Nadal: este é o piar sobre o cal se fundamenta o Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas que chega á súa terceira edición. O Concello da Pobra do Caramiñal convoca este certame que se fai extensivo a todo o municipio: Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre.

A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), acompañada da técnica municipal desta área, Sara Sánchez, apunta que con esta iniciativa se busca contribuír a incrementa-lo carácter vistoso das rúas nesta época festiva.

Haberá un premio por cada parroquia, consistente nunha gran cesta do Nadal composta de produto de proximidade, pondo así tamén en valor o comercio local.

Disponse ata o día 2 de decembro para realiza-las inscricións mediante o correo electrónico turismoecomerciodapobra@gmail.com ou por vía telefónica no 981843280, marcando a extensión 2035. É preciso indica-lo nome, o documento de identidade da persoa participante, o enderezo do domicilio e un número de teléfono. Unha vez formalizada a matrícula e engalanadas as vivendas, remitirase polo referido correo electrónico un mínimo de dúas fotografías.

O período para a ornamentación remata no 6 de decembro. A decoración deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, ámbalas datas incluídas. A temática terá relación directa co Nadal e os elementos para empregar deixaranse á libre elección.

O ditame do xurado darase a coñecer no 23 de decembro. Pódense consultar as bases completas na web municipal www.apobra.gal.